Entroido 2022

Desde o equipo de biblioteca do IES de Viós quixemos retomar a celebración do entroido xa que o curso pasado por razóns sociosanitarias non o puidemos facer.
Tendo en conta que hai vinte e cinco anos que o noso centro se converteu nun IES, concretamente en 1996, e estamos traballando nun proxecto chamado XXViós, pareceunos oportuno que a temática que servise como fío condutor se relacionase con isto. Foi así como xurdíu a idea de disfrazarnos de algo relacionado cos anos 90. Pensamos que podía ser divertido centrarnos en películas desa década.
Propuxémosllo ao alumnado e aceptaron inmediatamente, igual que o claustro. A partir de aquí, organizámonos escollendo cada clase un filme.

Decidimos que organizaríamos a actividade en tres apartados:

1) Cartel da película. Neste recolleríanse os datos: título, dirección, sinopse….
2) Decoración das portas das aulas relacionada coa temática da cinta elixida.
3) Disfraz grupal e representación voluntaria dalgunha escena.

Cada unha destas categorías recibiría un premio á máis destacada.

Seguindo estas liñas comezamos a traballar e o noso esforzo deu como resultado un desfile no pavillón que resultou un éxito rotundo tanto en participación como en creatividade, traballo en equipo e sobre todo ilusión.

Para que isto se levase a cabo, cómpre agradecer a colaboración de toda a comunidade educativa, do concello de Abegondo que nos preparou o “escenario do desfile” como os de Hollywood facilitándonos maquilladoras e photocall, do equipo directivo e do profesorado (debemos facer unha mención especial aos profesores de tecnoloxía e de Educación plástica e visual, Manuel e Fran), das compañeiras da limpeza que sufriron esa semana as cartolinas, lápices de cores etc, e sobre todo do alumnado que se implicou e traballou dunha maneira exemplar.

Podedes ver aquí o entroido Viós 2022!!!!

Galería de imaxes