Pregunta do mes de abril

Pregunta do departamento de Ciencias.

As paleontólogas e paleontólogos son persoas moi serias e rigorosas no seu traballo, pero manteñen intacto o seu sentido do humor, naturalmente. Cando, despois de traballar moito nas escavacións, durante anos ás veces, atopan un fósil excepcional, estúdano e clasifícano de xeito moi preciso e danlle o nome científico da especie á que pertence. Xa sabedes, un deses nomes binomiais que inventou Linneo. Faltaría máis, son científicos e intentan ser precisos. A parte humorística é que tamén acostuman bautizalo cun alcume inxenioso e simpático. Por exemplo cando atoparon o esqueleto de Lucy (Australopitecus aferensis), uns restos fosilizados dun homínido que axudou a aclarar a liña evolutiva dos nosos ancestros. Vamos que Lucy é a nosa avoa (eran ósos de femia). Pois ben, cando na campaña de escavación de 1974 atoparon a Lucy na depresión de Afar (Etiopía), soaba frecuentemente na radio dos paleontólogos a canción de moda daquel tempo. Era unha canción dos Beatles e tiña por título “Lucy in the sky with diamonds”. E Lucy lle quedou a este australopitecus! Por certo se non vos soan os Beatles tedes que poñervos ao día en historia da música rock e pop. É como, en literatura, non coñecer a Cervantes ou a Shakespeare.

Lucy

A estas alturas xa estaredes fartos de leria. Menos leria e cal é a pregunta, pensaredes. Pois ben, as preguntas (desta volta son máis de unha) van de fósiles que levan alcumes.

  1. Alcume do fósil de homínido que ten que ver co nome dun deportista español moi famoso.
  2. Nome científico deste fósil.
  3. Lugar onde se atopa (museo).
  4. Nome do antropólogo que o descubríu.
  5. Ano no que se atopou.

ÁNIMO E BOA SORTE!!!!

Nota para os que queren sempre saber máis.

Australopitecus aferensis significa: Mono do sur atopado en Afar.