Proxecto de formación permanente do profesorado PFPP

No IES de Viós participamos nun proxecto de formación permanente relacionado coa nosa biblioteca. Neste proxecto de formación, titulado Dinamización da Biblioteca escolar, participamos casi o 50% do profesorado do centro.

Esperamos que a nosa formación sirva para mellorar a calidade do noso servizo na biblioteca do instituto e así atraer a máis alumnado para que participe da actividade lectora e informadora pero tamén lúdica e cooperativa que queremos que teña este espazo.

Trataremos de crear un modelo de biblioteca que se adapte ás demandas e necesidades do século XXI. Por suposto, o noso principal obxectivo é proveer á comunidade dun amplo abano de posibilidades en canto á lectura, pero tamén buscamos que a biblio sexa un punto de encontro onde traballar de maneira conxunta e onde aprender de formas divertidas. Esperamos que a biblioteca ofreza as ferramentas precisas para que todo o alumnado poida aprender a acceder á información de maneira manual, pero por suposto tamén a través do medio dixital.

Paralelamente a esta formación estamos tratando de cubrir todas as necesidades lectoras do alumnado e profesorado pero tamén das familias. A nosa intención é crear unha sección de psicoloxía e pedagoxía para poder consultar todas as dúbidas que xurdan en canto á educación dos rapaces e rapazas.

Por suposto, e gracias á convocatoria PLAMBE, na que tamén participamos, queremos dotar á biblioteca de novo equipamento (ordenadores e tablets) e de novo mobiliario, ainda que este proceso levará un pouco máis de tempo.