Cume do clima, GLASGOW 2021

Cume do clima, GLASGOW 2021

Nestes días estase a celebrar en Glasgow (Escocia) o cumio do clima 2021 (COP26). Neste foro, ao que asisten representantes de case 200 países, deberán tomarse medidas para evitar que a temperatura media do planeta non suba máis de 1,5°C respecto aos niveis preindustriais (antes de que comezásemos a queimar carbón e petróleo). Hoxe sabemos, a comunidade científica é practicamente unánime, que calquera incremento por riba deses 1,5° trastornará de xeito intenso os climas terrestres ocasionando moitos fenómenos meteorolóxicos adversos con todo tipo de consecuencias. 

O reto é grande, a tarefa considerable e custosa, a responsabilidade enorme. A solución do problema está en mans de todos. Na dos políticos que deben tomar decisións valentes, incluso impopulares, e nas nosas que deberemos interiorizar hábitos de vida compatibles cun planeta sustentable que poder legar aos nosos fillos.

Pertencemos a unha especie especialista en superar retos. Somos a especie que camiñaba entre os bosques e a sabana de África hai 200.000 anos. Unha especie non moi rápida, sen grandes dentes e garras. Unha especie aparentemente indefensa nun mundo de extraordinarios depredadores moi ben armados e veloces. Ninguén apostaría por nós. Esa mesma especie hoxe en día ten pisado a Lúa, enviou varios rovers a Marte, superou pandemias, conquistou o planeta enteiro… Está claro, estamos feitos para os desafíos. Estamos, unha vez máis, ante un. Na nosa man, na nosa vontade e determinación, na nosa cooperación reside a clave do éxito. Utilicemos unha vez máis as ferramentas das que dispoñemos e leguemos un fermoso planeta aos nosos descendentes.